Workshop online “Materiais para o contract”. Ciclo “Materiais para o futuro”

O ciclo “Materiais para o futuro” do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta de Galicia continúa o 22 de outubro coa presentación de novos materiais desenvolvidos en Galicia especificamente para o sector contract.

Este será o segundo workshop do ciclo organizado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación (GAIN), no marco da Materioteca de Galicia co fin de explorar as oportunidades de futuro que ofrecen os novos materiais para a innovación empresarial mediante o deseño.

Durante a xornada, GAIN presentará o Certame de Materiais Innovadores de Galicia, que celebra este ano a súa primeira edición co obxectivo de identificar e promocionar os materiais máis novidosos desenvolvidos recentemente por empresas e centros de coñecemento galegos.

Este workshop permitirá coñecer as características e aplicacións de varios materiais innovadores deseñados para o contract, é dicir, aqueles que polas súas propiedades son especialmente axeitados para o seu uso en arquitectura, mobiliario e decoración.

Dous centros de coñecemento e dúas empresas presentarán materiais innovadores creados en Galicia para o contract: o Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG), o Grupo de Construción da Universidade da Coruña (UDC) e Vertifil e Extraco. Ademais, desde o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) serán expostas as liñas de apoio da Xunta para este sector.

Para completar esta visión dende unha óptica máis ampla, a empresa Materially expoñerá unha selección a nivel internacional de materiais innovadores para o contract, acompañada de exemplos de aplicacións e vídeos de demostración.

Máis información:

Programa do Workshop

VÍDEOS XORNADA

  • Presentación da xornada e do Certame de Materiais Innovadores de Galicia – Patricia Argerey (GAIN)Link
  • Importancia da innovación na segunda transformación da madeira para o contract – José Ignacio Lema (XERA)Link
  • Apoio a un sector contract sostible – Guillermo Viña (IGAPE)Link
  • Valorización de cinzas para a ecoconstrución de obra civil e edificación (Proxecto Conecta Peme Cenicienta) – Javier Prego (Extraco)Link
  • Proxectos de formigóns con residuos de mexillón – Belén González (UDC) Link
  • Aplicacións de materiais innovadores á arquitectura singular (Proxecto KrEaTive) – Raquel Ledo (CTAG)Link