Ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”
Data: 06/10/2022
Hora: 10.00 – 14.00 h.
Lugar: CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol)
A Materioteca de Galicia celebra o terceiro workshop do ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”. Nesta ocasión, o tema central será o ecodeseño, capaz de converter os materiais sostibles en protagonistas de innovadoras propostas estéticas, á vez que consegue minimizar o impacto ambiental dos produtos.
O workshop, organizado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación,terá lugar en formato híbrido presencial-online o 6 de outubro no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol).
Durante a primeira parte do workshop, que será retransmitida online, a experta en deseño CMF (acrónimo en inglés de cor, materiais e acabados) Noemí Cortizas presentará diversos casos de aplicación deste tipo de materiais nos que, sen prexudicar a experiencia do usuario, se prioriza o respecto ás normativas europeas e os seus criterios de sostibilidade, á vez que se melloran o produto e o envase dunha marca.
A continuación, dúas empresas galegas expoñerán as súas experiencias co ecodeseño para a creación de novos produtos a partir de madeiras máis sostibles e de procedencia local: Mobalco (mobiliario de cociña) e Timbersoul by Cándido Hermida (aplicacións arquitectónicas de novos soportes estruturais de madeira).
A segunda parte do workshop consistirá nun taller práctico de carácter presencial a cargo de Materially no que tamén será presentado un estudo estratéxico sobre exemplos de materiais sostibles e as súas oportunidades de aplicación mediante o ecodeseño.
Este evento está especialmente dirixido a profesionais do deseño, da enxeñería e da construción con interese pola aplicación de novos materiais en procesos innovadores.
- Programa do workshop (pdf).
- Formulario de inscrición para asistencia presencial ao workshop completo (prazas limitadas).
- Formulario de inscrición para conexión vía streaming á parte expositiva do workshop.