Ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”
Data: 28/04/2022
Hora: 10.00 – 14.00 h.
Lugar: CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol)
A Materioteca de Galicia pon en marcha un ciclo de catro workshops en formato híbrido destinados a explorar as oportunidades de innovación que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño.
O ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”, organizado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, comeza o 28 de abril no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) coa presentación de materiais baseados en materias primas secundarias.
Este workshop permitirá coñecer experiencias de revalorización de residuos e subprodutos en forma de novos materiais capaces de paliar a dependencia da importación e da explotación de recursos naturais.
Durante a primeira parte da xornada, que será retransmitida online, representantes das empresas Rir&Co, Cholita Recicla e Extraco e de dous grupos de investigación da Universidade da Coruña expoñerán as súas propostas de materiais téxtiles e para a construción e o mobiliario urbano.
A continuación, terá lugar un taller práctico de carácter presencial a cargo de Materially no que tamén será presentado un estudo estratéxico sobre materiais baseados en materias primas secundarias.
Este evento é de especial interese para profesionais do deseño, da enxeñaría e da construción.