Os materiais de alta tecnoloxía caracterízanse por unhas elevadas prestacións que favorecen a innovación en ámbitos moi especializados. O kevlar, o aluminio transparente, o grafeno ou o borofeno son só algúns dos materiais que, polas súas propiedades e comportamento, fixeron posibles avances en sectores tan diversos como a electrónica, a medicina ou o téxtil. A esta familia pertencen tamén os whiskers de zafiro, desenvoltos no Instituto de Cerámica de Galicia e comercializados en exclusiva por Neoker, unha empresa que tivo a súa orixe na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os whiskers de zafiro foron o primeiro material creado por unha entidade galega en incorporarse á Materioteca de Galicia.
Fai xa moito tempo que a cerámica deixou de ser un material asociado unicamente aos utensilios domésticos e á decoración. A louza, a porcelana e o gres conviven hoxe cos ladrillos refractarios –utilizados no interior dos fornos pola súa resistencia a altísimas temperaturas– ou as electrocerámicas –usadas por exemplo pola NASA no transbordador espacial Challenguer para protexelo na aterraxe–.
As súas propiedades sitúan aos materiais cerámicos nunha posición de vantaxe fronte a metais e plásticos, dado que non son combustibles nin se oxidan e son moi resistentes á corrosión e a erosión, entre outras.
A singularidade e proxección destes materiais conduciron en 1990 á fundación do Instituto de Cerámica de Galicia por parte da USC, coa misión de avanzar na longa tradición investigadora da institución neste campo e a súa conexión coa empresa.
Nestas tres décadas saíron de alí varias spin- off que fabrican implantes óseos personalizados, fibras minerais a partir de residuos de pedra e whiskers de zafiro. Estes últimos inauguraron a nómina de materiais galegos da Materioteca de Galicia e, 15 anos despois da súa saída ao mercado, seguen sendo os únicos que se comercializan en todo o mundo.
Os whiskers de zafiro son materiais cerámicos en forma de fibras monocristalinas de alúmina cristalizada e libres de defectos. A súa dureza, a súa estabilidade térmica e química, a súa altísima resistencia á oxidación e aos ácidos e, sobre todo, un punto de fusión que supera os 2.000º C abríronlles as portas do mercado nos sectores aeroespacial e de defensa. O seu uso nestas industrias é principalmente o reforzo estrutural de resinas compostas ou composites, o que abarca desde motores de aeronaves espaciais ata chalecos e vehículos antibalas.
Este material avanzado lanzouse ao mercado protexido por catro patentes, que preservan as vantaxes competitivas dos whiskers de zafiro fronte aos de carburo de silicio, vulnerables á oxidación. Neoker –do grego, nova cerámica–, a spin- off da USC que iniciou a súa comercialización desde Galicia, é hoxe unha empresa radicada en China que non ten competencia a nivel mundial.
Accede a la ficha de este material para obtener toda la información (link).