Servizos
Na Materioteca de Galicia prestámosche servizos especializados en función do teu perfil:
1. Profesional do deseño, da enxeñería ou da arquitectura: dámosche soporte na procura dos materiais que necesitas nos teus proxectos de creación de solucións innovadoras para empresas.
2. Persoal investigador, técnologo ou xestor de transferencia: axudámosche a darlle visibilidade aos materiais creados na entidade de I+D ou a empresas na que traballas para facilitar a súa transferencia á industria.
3. Responsable de innovación na empresa: facilitámosche a busca do material que precisas para darlle resposta ao teu reto de innovación.
ESPAZO EXPOSITIVO
Espazo expositivo con acceso a base de datos
Se buscas inspiración sobre materiais innovadores e sustentables, o espazo de exposición e consulta da Materioteca de Galicia é o teu sitio.
Colección de mostras
A nosa colección física de mostras está composta por:
Materiais creados en Galicia. Son os protagonistas da Materioteca. Incorporámolos a través dun labor continuado de vixilancia tecnolóxica sobre patentes rexistradas e de contacto directo coas entidades de I+D e as empresas galegas con actividade en innovación en materiais.
Materiais de referencia a nivel internacional. Complementan as referencias de orixe galega a través dunha selección de 250 mostras de materiais innovadores a nivel internacional, escollidos en función do seu potencial interese para os sectores industriais galegos.
Cada material está debidamente clasificado e documentado.
Exponse nunha tabliña na que se inclúe unha mostra e a descrición das súas características, propiedades e aplicacións.
Base de datos dixital
A exposición de mostras físicas complétase cun punto de acceso á base de datos con información ampliada sobre todos os materiais galegos expostos.
Ademais, os visitantes teñen acceso desde os puntos de consulta da Materioteca de Galicia á base de datos dixital máis completa a nivel internacional, con máis de 7000 referencias e que se actualiza con 40 novos materiais cada mes, seleccionados por un xurado internacional de expertos.
DIFUSIÓN DE MATERIAIS GALEGOS
Vixilancia tecnolóxica e difusión de materiais galegos
A incorporación de materiais creados en Galicia é unha das nosas maiores prioridades, así como a súa máxima difusión a nivel internacional.
Busca continuada
Para logralo, na Materioteca de Galicia realizamos un labor continuado de vixilancia tecnolóxica sobre patentes rexistradas e mantemos un contacto directo coas entidades de I+D e as empresas galegas con actividade en innovación en materiais.
Promoción a nivel global
Ademais de incorporar os materiais de orixe galega á nosa exposición física e á nosa base de datos, promovemos a súa máxima visibilidade:
Tras catalogalos adecuadamente, propoñemos aqueles materiais que cumpren cos criterios de innovación, sustentabilidade e dispoñibilidade para a súa incorporación a bases de datos a nivel internacional, como Material Connexion, unha das maiores redes mundiais especializadas na difusión de materiais innovadores.
Facilitamos a búsqueda de socios noutros países para o desenvolvemento conxunto de novos materiais ou de novas aplicacións de materiais galegos xa creados. Co apoio do consorcio Galactea Plus, axudamos a identificar oportunidades de colaboración no marco da Enterprise Europe Network, a maior rede do mundo de información e asesoramento a pemes, con máis de 600 entidades de máis de 60 países.
DINAMIZACIÓN E PUNTO DE CONTACTO
Dinamización con grupos de interese e punto
de contacto
Na Materioteca de Galicia traballamos para atraer e poñer en contacto a todos os axentes do ecosistema de materiais de Galicia.
Visitas concertadas
Organizamos visitas á Materioteca para que todos os grupos de interese teñan ocasión de coñecer as nosas instalacións e os servizos que ofrecemos:
As entidades de I+D (grupos de investigación, centros
tecnolóxicos, empresas) que están a innovar en materiais.
As empresas, a través dos clústers, como potenciais usuarias de novos materiais.
As asociacións de profesionais do deseño.
Punto de contacto
Tamén funcionamos como punto de contacto, coa misión de conectar oferta de materiais con demanda de aplicacións nas empresas, primando o papel dos profesionais do deseño como vehículo.
Para logralo, na Materioteca de Galicia estamos abertos á recepción de consultas realizadas por empresas e deseñadores en relación con retos industriais para os que os novos materiais poden representar unha solución.
Isto permite:
Detectar novas necesidades nas empresas para promover procesos de transferencia. Actuamos como intermediarios trasladando as consultas aos organismos de investigación e ás empresas que innovan en materiais.
Establecer unha rede de colaboradores estable cos centros e empresas que innovan en materiais para buscar sinerxías e sistematizar o intercambio de coñecemento.
NETWORKING E DIVULGACIÓN
Como parte da misión da Materioteca de Galicia de facer accesible o coñecemento sobre novos materiais, organizamos accións de divulgación e experimentación que á súa vez serven como punto de encontro e colaboración para os axentes do ecosistema galego de materiais.
O formato son xornadas de traballo nas nosas instalacións con dúas partes:
Unha sesión divulgativa na que os centros de coñecemento e empresas innovadoras no ámbito dos materiais presentan os seus últimos avances.
Un taller no que investigadores, deseñadores e empresas traballan en grupos multidisciplinares baixo a metodoloxía do design thinking co obxectivo de explorar novos usos, aplicacións e oportunidades de mellora sobre materiais.