Recubrimentos funcionais mediante o emprego de nanomateriais

Os nanomateriais compostos e os recubrimentos funcionais, permiten combinar materiais a escala nanométrica para conferir propiedades avanzadas e multifuncionais, como variar a súa condutividade térmica ou eléctrica, impermeabilizar as súas superficies etc.

Durante o proceso, a capa do nanomaterial aplícase sobre a superficie do material base para conferirlle propiedades adicionais ou para mellorar as xa existentes. Este proceso pode realizarse seleccionando diversas áreas da superficie para tratar e desta maneira pódense obter zonas con diversas características de condutividade térmica ou impermeabilidade ou condutividade eléctrica, que finalmente, permitirán configurar un determinado produto.

Segundo os diferentes tipos de nanomateriales empregados, poderemos obter unha ampla variedade de recubrimentos funcionais avanzados con aplicación en diversos campos da industria, a decoración, a saúde e o benestar, a protección en zonas especiais etc.

Por exemplo, empregando o dióxido de titanio (TiO2) poderíanse obter superficies de autolimpeza con capacidade para repeler a sucidade e bacterias, ou con propiedades fotocatalíticas ou con capacidade para protexer contra a radiación UV. O óxido de aluminio, pode aumentar a resistencia das superficies para os efectos da abrasión e arañazos. Os nanomateriais derivados da prata, presentan excelentes propiedades antimicrobianas, mentres que os fullerenos son excelentes aditivos que permiten incrementar a resistencia de determinados polímeros etc. Todo iso, permítenos a mellora de produtos para aumentar o rendemento dos mesmos, como é o caso dos paneis solares nos que se se empregan recubrimentos de antolimpeza para evitar a acumulación de po na superficie, poderíase reducir o seu mantemento e así incrementar a súa produtividade nas plantas de enerxía fotovoltaica.

O recubrimento condutor, un proxecto do CTAG

Como exemplo de material funcional, presentamos o recubrimento condutor térmico e eléctrico desenvolvido polo CTAG. Este recubrimento confire propiedades radiantes e sensoriais á material base, permitindo a súa aplicación en diversos produtos nos que se busca obter un efecto térmico.

O feito de que este recubrimento condutor estea formulado a base de auga outórgalle un enfoque sostible, facilitando ademais a súa adaptación a distintas superficies. Esta flexibilidade de aplicación do recubrimento calefactor, permite o seu uso, por exemplo, en cavidades internas dos moldes empregados para a fabricación de composites, nos que facilitaría a aplicación de calor homoxénea durante a fase de curado do produto. Outras posibles aplicacións poderían ser no deseño de produtos nos que se requira “confort térmico, como podería ser o caso de roupas de traballo para condicións de baixas temperaturas ou, tamén, a incorporación a carcasas para a protección de dispositivos contra xeadas etc. O rango de aplicacións pode variar en función das necesidades do deseño e a enxeñería.

Este material forma parte da colección da Materioteca de Galicia, polo que se se pode examinar tanto na exposición de materiais como na base de datos accesible desde a seguinte ligazón:

https://www.materioteca.gal/bd/materi/ver/211