Os materiais obtidos a partir de produtos que chegan ao fin da súa vida útil foron o eixe central do último workshop do ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”, que tivo lugar o 1 de decembro no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), sede da Materioteca de Galicia.
Na primeira parte da xornada, que foi retransmitida online, Juan Meijide, xerente de INS3RTEGA, explicou que a empresa, a primeira de Galicia dedicada en exclusiva ao residuo téxtil, xestionou cerca dun millón de refugallos en 2021. No prazo de tres anos teñen o obxectivo de multiplicar por dez o volume de residuos para ser reutilizados e reciclados. Expuxo que colaboran con organismos de investigación como a Universidade da Coruña e centros tecnolóxicos como CETIM, para explorar aplicacións á marxe da roupa, como asentos para automóviles, colchóns, trapos de limpeza, cemento e illamentos para construción, etc. co obxectivo de buscar novas saídas aos residuos da segunda industria máis contaminante do mundo. Ademais, están a desenvolver unha aplicación que permite facer a #trazabilidade do residuo, desde a súa orixe ata a súa nova aplicación.
Pola súa banda, Berta Gonzalvo presentou o proxecto Bizente do centro tecnolóxico Aitiip, que aplica a biodegradación para revalorizar en forma de materiais biobaseados os residuos plásticos procedentes da aviación, transporte e construción. En esencia, trátase de rescatar microorganismos enzimáticos ancestrais e aplicalos aos compostos termoestables que chegan ao fin da súa vida útil, procedentes, por exemplo, de pás de aeroxeradores ou pezas de avións. O seguinte paso é o proxecto Vibes, que se enfoca na separación controlada e na recuperación de material composto grazas ao desenvolvemento de adhesivos 100% biobaseados.
A parte expositiva rematou coa intervención de Kenny Álvarez, de EcoMagnet, que explicou que os imáns producen toneladas de residuos, procedentes de turbinas eólicas, motores eléctricos, electrodomésticos, móbiles, etc. Esta start-up, nacida do centro tecnolóxico vasco Ceit, consegue reintroducir este residuo na industria elaborando po reciclado que funciona como materia prima de menor custo cun rendemento competitivo. Na actualidade, a empresa atópase en fase de busca de financiamento para acometer a fase de industrialización mediante a construción dunha planta piloto.
A directora de centros da Axencia Galega de Innovación, María José Mariño, clausurou este ciclo da Materioteca de Galicia que, ao longo deste ano, explorou a relación entre materiais innovadores, economía circular e sostibilidade.
Novo informe estratéxico na web
A segunda parte do workshop, de carácter exclusivamente presencial, tivo formato de taller práctico e interactivo. Foi dinamizado polos expertos Unai Etxebarria, Iker Agirre e Izaskun Eskubi, da empresa especializada Materially, que presentaron unha selección de materiais que supoñen darlle unha segunda vida a produtos desbotados e as tecnoloxías que o fan posible. O estudo estratéxico que os recompila xa está dispoñible.
Este ciclo de workshops, que se desenvolveu ao longo de todo este ano a iniciativa da Axencia Galega de Innovación, estivo dedicado a explorar as oportunidades de innovación que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño.