O mar galego, orixe de novos materiais 

Seguindo o artigo do mes pasado no que sinalabamos a importancia do ciclo de vida nos materiais que queren mellorar o seu impacto na contorna (podedes ler o artigo picando aquí), neste artigo resaltamos a importancia que ten o mar, tamén no mundo dos materiais. 

Desde sempre en Galicia tivemos moi clara a importancia do mar no noso día a día, xa que foi e segue sendo, unha fonte de alimento e riqueza importantísima. As diversas actividades que realizamos baseadas neste medio natural, teñen ás veces, un efecto daniño que actualmente se traballa a diario para minimizar. Desde a Materioteca de Galicia, á que tedes libre acceso, queremos poñer ao voso alcance ideas e materiais que están a achegar melloras para a redución do impacto das actividades marítimas. Neste artigo presentamos dous materiais, un desenvolvido en Galicia para poñer en valor o noso know- how e outro dunha procedencia xeográfica diferente, co fin de poñer exemplos das oportunidades que presenta o mar como orixe dos materiais e do que poidan valerse as nosas empresas e creadores. 

Cerámica de orixe Mariña, Biofast (MG-4004) 

Cada ano realízanse máis de 1 Millón de cirurxías ortopédicas e odontolóxicas en Europa e Estados Unidos. Isto supón unha gran demanda de biomateriais para a reconstrución e substitución ósea. Ata o de agora non existían biomateriais que poideran garantir unha rápida rexeneración ósea cuns altos estándares de calidade médica e que sexan producidos de forma respectuosa co medio ambiente a partir de fontes ecolóxicas. Os materiais actuais, tanto de orixe sintética como animal, presentan inconvenientes na súa funcionalidade, dando lugar a unha pobre rexeneración ósea, e nalgúns casos, a posible transmisión de enfermidades ou rexeitamento debido a razóns culturais. 

Biofast é un material biocompatible e innovador de orixe mariña, con propiedades fisicoquímicas e funcionalidades próximas ás do óso humano, que estimula a rápida rexeneración de tecido óseo de alta calidade. 

Biofast deriva de residuos mariños procedentes da industria pesqueira. A empresa revaloriza un descarte en particular, os dentes de quenlla, producindo así biomateriais ecolóxicos que xeran valor engadido a este subproducto pesqueiro. Ademais, a orixe mariña garante a ausencia de transmisión de enfermidades a humanos, pois non existen evidencias científicas da devandita transmisión de especies mariñas a humanos. 

Biofast deriva da moenda dos dentes de quenlla, e os seus beneficios radican na súa composición, que se basean en bioapatitas de fosfato de calcio que conteñen unha cantidade importante de flúor e trazas de elementos esenciais como sodio e magnesio. Esta composición xunto coa porosidade homoxénea procedente das canles dentarios do interior do dente de quenlla estimulan o crecemento óseo. 

Esta solución está deseñada para o seu uso en reconstrución ósea tras traumatismos, resecciones de tumores de óso, así como aplicacións dentais tanto en humanos como en animais. 

Biofast achega unha rápida rexeneración ósea garantindo uns altos estándares de calidade médica que eran inexistentes ata o momento. Todo isto mentres é producido con materiais biobasados e de maneira sostible en comparación cos materiais tradicionais de orixe sintética. 

BIOFAST.  DO MAR Á CLINICA

Baldosas 100% realizadas con escamas, Scalite

En 2018 créase a empresa Scale co obxectivo de reciclar e revalorizar subproductos do mar e en particular transformalos nun material funcional, neste caso chamado Scalite. O nome provén de unir a palabra escama en inglés “scale” e a palabra pedra en grego “lite”, evocando a idea de algo así como “pedra de escamas”. 

Este material deriva ao 100% de escamas de peixe provenientes da industria pesqueira. A día de hoxe, a industria pesqueira xera unha gran cantidade de subprodutos. Por exemplo, as cabezas, colas e espiñas, así como a pel utilízanse respectivamente como suplemento alimenticio para animais, coiro, ou mesmo como aditivos para o sector médico e cosmético. Con todo, o baixo valor nutricional e de contido en coláxeno das escamas fai que non se coñeza unha aplicación interesante para estas. Por iso actualmente centos de miles de toneladas de escamas acaban nas entulleiras sen ser revalorizados. 

Os beneficios deste material empezan coa materia prima, un material biobasado proveniente de refugallo 100% biodegradable e circular. Grazas ao proceso patentado da empresa, extráese o biopolímero das escamas. Durante o proceso este biopolímero é extraído e mesturado coa porción mineral das escamas en po para crear a material base. Neste proceso no que non se engade ningún químico extra, utilízanse as escamas de sardiñas capturadas na costa bretoa, salmón criado nas augas doces escocesas e norueguesas ou salmóns salvaxes franceses que só poden ser capturados en ríos locais no inverno. Grazas a esta técnica prodúcese un material similar á pedra que é inocuo para o medio ambiente. A continuación, o material prodúcese mediante un proceso de compresión para formar láminas. 

O material actualmente está dispoñible como baldosas de 300x300mm en espesores que van desde 10mm a 40mm. O material pode tintarse para conseguir diferentes cores e mesmo pode incluír cargas minerais ou cunchas de ostra para conseguir diferentes acabados e efectos. O material pode transformarse con ferramentas para a transformación de madeira e en caso necesario pode recubrirse cun verniz que lle achegue a resistencia necesaria para ser usado en exteriores. 

Scalite foi deseñado para ser usado en decoración de interiores, como acabados en parede, fabricación de mobiliario e outros pequenos obxectos decorativos. 

SCALITE®, Ocean Friendly material