O futuro da construción é sostible

Neste artigo seguiremos descubrindo novos métodos de transformación sostibles. Na Materioteca de Galicia cremos que non só é importante a orixe dos materiais senón tamén a maneira na que estes se modifican para chegar a ser os produtos que necesitamos.

Sen ir máis lonxe, sabemos que unha das maiores preocupacións da sociedade por mor da pandemia é a procura dunha vivenda de mellor calidade. Este feito levou ao sector da construción a crecer un 24%* respecto ao ano anterior a nivel nacional e dá traballo directo a máis de 77.000 persoas en Galicia.

En cambio, non debemos esquecer que os procesos tradicionais de construción requiren do uso de combustibles fósiles e unha alta demanda enerxética, que son as principais fontes de liberación de dióxido de carbono, o que ocasiona que o sector sexa un dos que maior impacto ambiental xera. É por isto que neste artigo imos ir un paso máis aló, descubrindo dous novos procesos de transformación aplicables ao sector da construción moito máis amigables co medio ambiente que os que actualmente se utilizan.

Taboleiro de alta densidade 100% natural, Tablex

Este innovador taboleiro de alta densidade, bautizado como Tablex, foi creado por Betanzos HB, empresa situada na Coruña. Está formado a partir de elementos non aproveitables da árbore de eucalipto, procedente de plantacións de proximidade e xestionadas de maneira sostible, como acreditan os seus numerosos certificados. Pero sen dúbida o que máis diferenza a Tablex do resto de taboleiros é a ausencia de adhesivos artificiais e químicos. Para a fabricación deste taboleiro, a materia prima transfórmase de maneira natural, aproveitando as propiedades termoplásticas da lignina (naturalmente presente nas plantas) como adhesivo.

Ademais, este proceso proporciónalle un valor engadido ao produto, xa que estes taboleiros presentan un excelente comportamento fronte á humidade, propiedade que non se daba en taboleiros convencionais. É por iso, que ofrece un abanico de aplicacións máis amplo, tanto en interiores como en exteriores, proporcionando alta durabilidade en calquera caso.

Pechando o ciclo, Tablex é completamente reciclable e biodegradable, ao ser un material 100% natural. Ademais, actúa como almacén de CO2 desde a súa etapa previa como materia prima ata o final do seu ciclo de vida. Todo iso fai que sexa un material polo que se debería seguir apostando nos próximos anos, pola nosa saúde, e pola do planeta.

Xeopolímero para construción, Renca

Géocement. Así é como esta empresa rusa alcumou a un novo cemento ecolóxico, baseado en tecnoloxía de xeopolímeros. Está formado por cinzas e escoria producida en industrias metalúrxicas próximas, e xa só esta reciclaxe de materia prima, reduce o impacto ambiental un 60%.

Estímase que a produción do cemento tradicional (OPC – Ordinary Portland Cement) emite un 8% dos gases de CO2 totais que se emiten á atmosfera, e é que, por cada 1000 g de cemento producido, prodúcense 900 g de CO2. En cambio, grazas ao proceso de transformación deste xeopolímero, as emisións deste gas contaminante redúcense nun 90%.

Mediante esta tecnoloxía conséguese un material con estrutura mesoporosa, cunha impermeabilidade á auga superior, o que á súa vez, outórgalle unha resistencia ante o lume maior, xa que é capaz de aguantar temperaturas máis altas sen fracturarse debido á falta de auga no seu interior. Adicionalmente, conta con outras moitas vantaxes técnicas con respecto ao cemento tradicional, entre outras, maior resistencia á compresión e á tensión axial, mellor resistencia ao xeo-desxeo e resistencia a sales e ácidos.

En definitiva, un material de alta tecnoloxía cun futuro prometedor no sector da construción sostible.

*https://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2022/03/28/obras-construccion-crecen-24-superan-nivel-prepandemia/0003_202203G28P17995.htm