O pasado 15 de decembro, a Materioteca de Galicia pechou o ano coa celebración do evento titulado “Minaría urbana para makers”. Este workshop, que se celebrou no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol, estivo centrado na presentación da problemática derivada da actual escaseza de materias primas e na necesidade de recuperar e reutilizar os residuos procedentes de aparellos eléctricos e electrónicos, denominados RAEEs. En concreto, presentáronse varios exemplos de proxectos de recuperación de máquinas arcade, fabricación de impresoras 3D e máquinas de gravado laser a partir de compoñentes recuperados de equipos refugados.
O público asistente puido gozar de diversas presentacións sobre a problemáticas dos minerais estratéxicos e un interesante debate sobre “o papel do movemento maker na minaría urbana” no que participaron recoñecidos profesionais como o consultor en sustentabilidade e especialista en RAEEs Alejo Calatayud, Aitor Puente en representación da Cámara Mineira de Galicia e membros do colectivo maker como Lucas Axude (socio fundador de Ilectrosat) e Roberto Benavides (CEO de Power Up e membro de Retrogalaicos). O debate foi dirixido por Leticia Costas (Divulgadora científica e CEO de Kidcode).