A moda circular ou circular fashion centra a nova entrega da serie de artigos da Materioteca de Galicia elaborados por expertos e expertas en materiais. O director de Sostibilidade da Confederación da Industria Téxtil (Textfor), David Allo, aborda as principais barreiras e oportunidades no contexto galego para buscar solucións de xestión e reciclaxe das prendas postconsume e das súas fibras.
Segundo expón o autor, é fundamental atopar alternativas de uso para estes materiais co obxectivo de cumprir as normativas europeas en termos de separación da fracción dos residuos téxtiles, de descarbonización, de economía circular e de empregos verdes. Este reto pasa, en primeiro lugar, por buscar fórmulas para darlles unha segunda vida a estas prendas, nun contexto no que nin sequera hai capacidade para xestionar a escasa cantidade de material que se recolle.