Bioescuma de poliuretano: unha segunda vida para os residuos industriais

Bioespuma

Ladrillos fabricados a partir de residuos plásticos, células solares desenvolvidas aproveitando o chumbo de baterías de coche usadas, bioplásticos procesados a partir de refugallos da industria pesqueira, illantes acústicos elaborados con pluma procedente da industria avícola e mesmo tinta obtida de filtrar o po sólido da polución. A valorización de residuos permite converter o lixo en enerxía ou en materia prima. En concreto, as iniciativas para dar unha segunda vida aos residuos industriais están a dar como resultado unha nova xeración de materiais que en moitas ocasións volven alimentar á industria. É o caso da bioescuma desenvolvida polo Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial ( CETIM) e o Grupo Copo, xa dispoñible na Materioteca de Galicia.

Primeiro foi o papiro, despois o pergamiño e finalmente chegou o papel. Mentres en toda Europa seguíase escribindo sobre peles de animais curtidas con cal, os chineses custodiaron en exclusiva durante 500 anos a arte da fabricación de papel, cuxa creación se atribúe ao eunuco Cai Lun, conselleiro do emperador Hei, no século II a. de C.

A técnica entrou a Europa no século XI por España grazas aos árabes e a primeira fábrica do continente estableceuse na localidade valenciana de Xátiva. A mediados do século XIX introdúcese o primeiro proceso químico para fabricar papel a partir de pulpa de madeira.

Estes procesos químicos fóronse perfeccionando ao longo do tempo, pero seguen sendo necesarios para a separación da celulosa da madeira e o blanqueamento que dan como resultado a pasta de papel. Dos efluentes que se desprenden, as lixivias negras –resultantes da extracción da lignina da madeira– son as máis contaminantes.

CETIM e o Grupo Copo traballaron xuntos durante os últimos anos para recuperar a lignina presente nestes residuos e valorizarla como base dunha bioescuma de poliuretano que se incorporou á sección de polímeros da Materioteca de Galicia.

O proxecto que deu orixe a este novo material buscaba alternativas sostibles aos polioles procedentes do petróleo para a formulación de escumas de poliuretano, utilizadas de forma masiva pola industria da automoción.

Esta bioescuma substitúe os polioles por lignina modificada procedente das augas residuais da industria papeleira na mesma proporción: o 50% do material final, que se completa cun 40% de isocianato e un 10% de catalizadores, recirculantes e outros compoñentes.

Os investigadores responsables da formulación deste novo material hano testado en pezas de automoción para comprobar que tanto en formato de escuma flexible como ríxida iguala en prestacións á convencional. Os seus tests, realizados en pezas tales como asentos, confirmaron que cumpre con todos os requisitos de estabilidade, cinética e propiedades mecánicas e físicas establecidos no sector da automoción.

Ademais, aseguran que a súa aplicación é posible en todos os usos das escumas de poliuretano convencionais, o que inclúe por exemplo ao sector da construción, no que se utiliza para a selaxe de ocos, a montaxe de portas e xanelas e como illante.

Accede á ficha deste material para obter toda a información (link).