A Materioteca de Galicia está a traballar nun mapa de capacidades en tecnoloxías e servizos relacionados cos materiais innovadores no que se identificarán as empresas e centros de coñecemento galegos cunha labor destacada neste ámbito. Este mapa verá a luz en 2024, tal e como destacou Santiago Nieto, do equipo da Materioteca do CIS Tecnoloxía e Deseño, durante a apertura do workshop celebrado o 30 de novembro.
Na primeira parte da xornada, María Gloria Álvarez, da Plataforma de Simulación e Impresión 3D do Servizo Galego de Saúde, explicou que obter a licencia de fabricante de produtos sanitarios a medida foi determinante para a integración dos seus servizos na práctica hospitalaria e que isto supón moitos desafíos, como a certificación e a validación destes produtos.
Entre os seus obxectivos de investigación destacou a materialización de ideas mediante deseño dixital e prototipado, ademais da validación de novos produtos sanitarios, protocolos e técnicas. Na práctica asistencial, danlle soporte aos procesos de diagnóstico e tratamento en múltiples servizos (traumatoloxía, oncoloxía, odontoloxía…), con beneficios nos tempos de atención e na eficiencia de custos.
O seu compañeiro Christian Passera expuxo que algúns dos materiais que usan na impresión 3D de produtos sanitarios son as resinas e os materiais termoplásticos, que presentan propiedades tan relevantes e versátiles como a flexibilidade, a biocompatibilidade e a solubilidade en auga.
Alejandro Criado, do grupo NanoSelfLab da Universidade da Coruña, expuxo que os nanomateriais de carbono son unha revolución para o diagnóstico precoz de enfermidades como o cancro ou doenzas víricas que orixinan epidemias ou pandemias.
A capacidade destes biosensores tradúcese en termos de elevada sensibilidade, rápida resposta e alta fiabilidade. Tamén permiten detectar neurotransmisores, o que nun futuro fará posible a diagnose temperá de enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer e a epilepsia. Ao mesmo tempo, a detección de proteínas estase probando para identificar cancro de próstata en estadios moi precoces.
A parte expositiva do workshop pechouna Bárbara Blanco, do Instituto de Materiais da Universidade de Santiago de Compostela (iMATUS), que explicou que o uso da bioimpresión 3D de modelos de patoloxías permite recrear estruturas biolóxicas complexas, como tecidos e órganos, usando biotintas e tintas de biomateriais.
O alto custo e a morte das células que se integran nestes biomodelos son algúns dos retos a superar.
Entre as aplicacións, Blanco destacou a realización de modelos 3D de enfermidades para probar fármacos ou deseñar tratamentos, por exemplo recreando modelos de osteoartrite ou de metástase no cancro.
Estas tecnoloxías aspiran a substituír a experimentación animal e ofrecerán máis fiabilidade á hora de probar fármacos e cribar mellor os que pasan aos ensaios clínicos con probabilidades de éxito. No horizonte dos próximos 15 a 20 anos, prevese xerar tecidos e órganos artificiais transplantables.
Novo estudo estratéxico na web
A segunda parte do workshop, tivo formato de taller práctico e interactivo. Foi dinamizado polos expertos Unai Etxebarria, Iker Agirre e Izaskun Eskubi, da empresa especializada Materially, que presentaron unha selección de materiais innovadores con aplicacións no sector sanitario. O estudo estratéxico que os recompila –e que inclúe materiais creados polo iMATUS, a Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) xa está dispoñible aquí.