O pasado xoves 23 de novembro, a Axencia Galega de Innovación, acolleu a reunión de socios do proxecto GreenHUB no que participa a través do CIS Tecnoloxía e Deseño.
Tratase dun proxecto que da continuidade ao POCTEP Valornature, no que participaron como socios o Pólo de Inovaçao em Engenharia de Polímeros (PIEP), Axencia Galega da Industria Forestal e Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).
O proxecto Valornature (2017-2021) consistiu na creación dun Centro de Excelencia en Materiais Avanzados Sostibles para fomentar o aproveitamento de recursos naturais na eurorexión Galicia – Norte de Portugal.
O proxecto GreenHUB, cofinanciado polo programa POCTEP 2021-2027, contribuirá á creación dun centro de Excelencia en Economía Circular que promova novas dinámicas de I+D+i para garantir a valorización dos recursos e residuos dispoñibles na rexión con potencial de aplicación en sectores diversos como son: automoción, aeronáutico, naval, téxtil, alimentación, mobiliario, construción e arquitectura.
Este proxecto permitirá explorar competencias complementarias e promover a transferencia de coñecemento, aumentando o nivel de cooperación en I+D+i entre as entidades e organismos participantes, para facilitar a súa evolución e potenciar a súa contribución ao desenvolvemento económico da eurorexión.
Ainda que participa en todas as actividades do proxecto, a principal aportación da Axencia Galega de Innovación, a través do CIS Tecnoloxía e Deseño e da Materioteca de Galicia, está na fase de transferencia, coa creación dun Marketplace de materiais sustentables, un repositorio virtual dos recursos e residuos existentes na eurorexión e dos materiais desenvolvidos coa finalidade de potenciar a economía circular e a simbiose industrial onde os residuos dunha empresa e industria pasan a ser materia prima de outra.
Neste proxecto participan: Pólo de Inovaçao em Engenharia de Polímeros (PIEP), como beneficiario principal, a Axencia Galega de innovación, a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, a Axencia Galega da Industria Forestal, a través do CIS Madeira e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).