O pasado 27 de outubro, celebrouse na Cidade da Cultura organizada pola Cámara Mineira de Galicia, a xornada sobre “Minerais Estratéxicos para a Industria Galega”.
A xornada estivo divida en 4 bloques principais dedicados a:
- Materias primas: investigación, desenvolvemento e marco europeo
- A minaría, punta de lanza da industria europea
- Renovables e almacenamento de enerxía
- Materias primas para a construción sostible
Os distintos participantes nas catro mesas redondas proporcionaron unha ampla visión dos retos aos que deberá enfrontarse a minaría galega para poder responder ás novas oportunidades que se presentan no terreo da transición enerxética e a descarbonización de sectores como o da construción.
No tema das axudas públicas, a Directora da GAIN, Patricia Argerey, anunciou o novo mapa de axudas á innovación, e a recente aprobación dos novos orzamentos que supoñerán 524 M€, co obxectivo de impulsar a axenda industrial para a Galicia de 2030.
A xornada serviu para destacar a oportunidade que supón para a comunidade galega dispoñer de recursos minerais de carácter estratéxico como son o litio, o cobre ou o coltán e a necesidade de incrementar a capacidade de extracción, procesado e capacidade de recuperación de minerais fundamentais ao final do ciclo de vida dos produtos dos que forman parte. Todo iso sobre a base do Pacto Verde europeo e a crecente demanda de produtos de alto nivel tecnolóxico elaborados mediante procesos sostibles.
A descarbonización e a loita contra o cambio climático condúcennos a unha nova revolución industrial na que Galicia pode ocupar un posto relevante mediante a achega de materias primas críticas e solucións baseadas no coñecemento e a investigación.
Desde a Materioteca de Galicia xa se está traballando nas primeiras accións de colaboración coa Cámara Mineira de Galicia para desenvolver actividades baseadas na recentemente aprobada Axenda de impulso da minería sostible 2030.