A primeira entrega da nosa nova serie de artigos elaborados por expertos e expertas en materiais está dedicada aos tecidos industriais. Comeza así unha serie de análises temáticas asinadas por profesionais deste campo que durante os vindeiros meses abordará os materiais para o aproveitamento de enerxía, as fibras celulósicas de orixe forestal na industria téxtil, os biopolímeros para a industria e un longo etcétera.
No presente artigo, Pablo Otero Jorge explica o que son os tecidos industriais, tamén chamados tecidos técnicos, os seus procesos produtivos e as súas aplicacións. Ademais, lanza unha reflexión sobre os retos e as oportunidades que se presentan arredor deste tipo de materiais, como a súa escasa utilización en Galicia a pesar do interese que representan ou a súa relación co impacto ambiental da industria téxtil.
No artigo preséntase tamén a liña de desenvolvemento de tecidos industriais do Grupo Copo e os seus resultados máis relevantes en forma de materiais innovadores.