CENTROS GALEGOS DESENVOLVEN MATERIAIS ORGÁNICOS INNOVADORES CON BASE NA VALORIZACIÓN DE RESIDUOS DA PESCA E DA INDUSTRIA ALIMENTARIA

Os materiais orgánicos non vexetais foron onte os protagonistas do primeiro workshop online organizado este ano pola Axencia Galega de innovación (GAIN), a través da Materioteca de Galicia, para difundir materiais innovadores con capacidade para contribuír á competitividade empresarial a través do deseño.

Durante o evento deuse a coñecer que os residuos procedentes da pesca e da industria alimentaria están a ser revalorizados polos centros de coñecemento galegos como base de materiais sustentables con elevadas prestacións, especialmente apreciados polas súas cualidades de textura superficial e protección contra a humidade e as variacións térmicas.

A directora da Área de Centros de GAIN, María José Mariño, explicou que a programación da Materioteca de Galicia inclúe outros tres workshops virtuais este ano. O 18 de xuño terá lugar un encontro sobre materiais para a captación de enerxía e despois do verán celebrarase un sobre tecidos industriais e outro sobre materiais de orixe vexetal.

Mariño destacou tamén que, unha vez rematado o prazo do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia o pasado xoves, se contabilizaron 76 propostas en total recibidas nas instalacións da Materioteca de Galicia, no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), unha elevada cantidade de candidaturas que reflicte a capacidade das empresas, artesáns e centros de coñecemento galegos para innovar no campo dos materiais.