A Axencia Galega de Innovación (GAIN) abre a inscrición no ciclo online “Materiais para o futuro”, que se celebrará entre outubro e novembro no marco da Materioteca de Galicia.
O primeiro workshop do ciclo terá lugar o 8 de outubro baixo o título “Materiais para a impresión 3D”. Nel daranse a coñecer as características e aplicacións de varios materiais innovadores deseñados especialmente en Galicia para a impresión 3D, unha tecnoloxía que se converteu nunha ferramenta moi útil para incorporar valor engadido a produtos de múltiples sectores achegando grandes melloras e posibilidades no relativo aos seus procesos de fabricación.
Os catro grupos de investigación galegos que presentarán materiais innovadores neste campo serán o LabPlast e o Laboratorio de Aplicacións Industriais Láser da Universidade da Coruña (UDC), o Instituto de Cerámica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Grupo FA3 Novos Materiais da Universidade de Vigo (UVigo). Posteriormente, será exposta unha selección internacional de novos materiais para impresión 3D da man da empresa Materially.
Durante a xornada presentarase a nova base de datos dixital da Materioteca de Galicia, na que se poderán consultar en detalle as características e aplicacións dunha mostra en continuo crecemento de materiais innovadores con selo galego.
OPORTUNIDADES DE FUTURO DOS NOVOS MATERIAIS PARA A INNOVACIÓN
O ciclo “Materiais para o futuro” é unha iniciativa do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta de Galicia que busca explorar as oportunidades de futuro que ofrecen os novos materiais para a innovación empresarial mediante o deseño.
Completarase con outros dous workshops, xa abertos tamén a inscrición:
- 22 de outubro: Materiais para o contract (sector que aglutina ás empresas de mobiliario, iluminación, tecidos, equipamento, deseño de interiores e decoración).
- 12 de novembro: CMF (disciplina do deseño que explora as sinerxías entre cor, materiais e acabados) e tendencias en materiais.
PROGRAMA E FORMULARIOS
Podes consultar o programa e inscribirte no workshop do 8 de outubro nesta ligazón (http://gain.xunta.gal/eventos/322/workshop+online+materiais+impresion+3d+ciclo+materiais+futuro).
Se prefires inscribirte no ciclo completo, podes facelo clicando aquí (http://www.cisgalicia.org/contactos/campan/inscribir/26).